O municipio intégrase nunha rede para loitar contra as especies invasoras

As accións encamiñadas a eliminar as especies invasoras conformarán un dos programas de traballo que abordará a Rede de Gobernos Locais pola Diversidade, na que está integrado o Concello de Paderne, cuio alcalde, César Longo, participou na reunión do consello de goberno celebrada o pasado día 15 en Azuqueca de Henares (Guadalajara).
 A erradicación da avispa asiática, a herba da Pampa ou a polilla da pataca, procedente de Guatemala, son algúns dos retos que Paderne afrontará conxuntamente con outros municipios e entidades públicas nun grupo de traballo no que tamén figura o Concello de Cuntis, cuio rexedor, Manuel Campos, tamén acudiu á cita.
Para acadar o obxectivo proposto, os participantes traballarán en rede intercambiando experiencias e iniciativas e realizarán unha primeira avaliación durante a celebración do Congreso Nacional de Parques e Xardíns Públicos que se celebrará en Córdoba, entre os días 19 e 22 de abril, coincidindo cunha nova reunión do consello de goberno.
A elección de Azuqueca de Henares para o encontro, serviu para que os alcaldes de Paderne e Cuntis coñecesen de primeira man a experiencia posta en marcha nese concello de 35.000 habitantes, no que está a funcionar unha rede de filtros verdes para depuradoras.
O resultado é que hoxe conta con un parque natural no que fan escala miles de aves migratorias durante as viaxes que realizan anualmente entre os países nórdicos e África e no que medran numerosas especies vexetais.

Charcas verdes
O alcalde de Paderne, César Longo, expuxo a técnica denominada “charcas verdes” que permite a decantación da auga residual por métodos naturais antes de que chegue ás cuncas fluviais; unha alternativa que pode tamén aplicarse no Concello de Cuntis, xa que esta técnica, ademais de ecolóxica, é tamén económica xa que propiciará un importante aforro de enerxía eléctrica.
Os alcaldes de Paderne, César Longo, e Cuntis, Manuel Campos, mostraron a súa satisfacción polo protagonismo que teñen os seus municipios, que figuran entre os cinco que contan con menos de 5.000 habitantes, nun colectivo que representa a máis de 23 millóns de habitantes e no que figuran cidades como as de Tarragona, A Coruña, Vigo ou Málaga, entre outros.

Tags: