“Noutrora, unha viaxe no tempo” durante a Semana Santa

­Co obxectivo de encher o baleiro de actividades que hai durante a Semana Santa en Cambre, a concellería de Cultura pon en marcha “Noutrora, unha viaxe no tempo”.
Con este programa, que foi presentado o 27 de marzo ao tecido asociativo de Cambre con gran éxito, o concello viaxará ao século XIX cando o ferrocarril chega a Cambre e a vila vive unha época de crecemento e expansión que a converte nunha vila vacacional e de descanso para moitas familias da Coruña.
Tal e como explica o concelleiro de Cultura, Daniel Carballada,  o que se pretende é ofrecer aos cambreses e foráneos, unha alternativa cultural e de ocio chea de actividades de balde para nenos e maiores. Carballada invita a todos os cambreses a participar nestas actividades para revivir unha época histórica tan importante para o crecemento deste concello. Actividades que, puntualiza, faranse respetando os oficios relixiosos.

Actividades para todos os públicos
Actuacións musicais, cine e xogos da época, actuacións infantís, concursos de carrilanas ou biscoitos, merendiñas e mesmo unha vista aérea de Cambre e a comarca, é o que poderemos atopar en Cambre entre o 7 e o 16 de abril.
O xoves 13, pola tardiña, vai ter lugar no parque da igrexa unha merendiña na que, ademais de comidas típicas do século XIX, os participantes acudirán vestidos cos traxes que habitualmente usaban os seus avós.
O venres 14, pola mañá, haberá un roteiro polas casas da época que aínda se conservan en Cambre y unha recreación histórica da chegada da República ao concello. Pola tarde, chocolatada e concurso de biscoitos.
O sábado 15, haberá un certame de carrilanas engalanadas de época pola carretera da estación, música e queimada; e o domingo 16, Cambre vivirá unha xornada moi especial xa que os veciños que así o desexen poderán subir 20/30 metros de altura nun globo aerostático de desfrutar dunha panorámica única de Cambre e  observar a cidade da Coruña, Ferrol e ata as illas Sisargas. O globo, se o tempo o permite, situarase no antigo campo de fútbol de Cambre, en Armental, a donde os veciños chegarán nunha furgoneta de época que sairá do campo da feira.
 A xornada complétase cunha sesión vermú moi especial, onde se poderán degustar os cócteles típicos dunha época na que estaban chegando á Coruña os whiskis e xenebras que traían os transantlánticos. Pola tarde, haberá actuación infantil co grupo Pirilampo.

Tags: