A igualdade traballada dende cativos

­O Día Internacional da Muller Traballadora comenzou dun xeito moi especial en Culleredo, cun acto organizado pola asociación de mulleres As Berenguelas.
 Un acto que, estas mulleres do rural cullerdense, organizaron para os pequenos do Colexio Rural Agrupado do concello, CRA, que recentemente obtiñan o premio Concepción Arenal 2016: Proxectos educativo pola igualdade de Xénero co seu proxecto, “Son Eu”.
 Alba Sardá, a profesora coordinadora do proxecto, explicou que o traballo naceu para abordar o ámbito da muller dende un punto positivo, traballando cos pequenos, primeiro as mulleres máis importantes das súas vidas como son as súas nais, avóas e profesoras, e acabar abordando mulleres destacadas tanto do concello de Culleredo como do resto do mundo.Convencidas que a loita pola igualdade da muller ten que empezar dende os máis pequenos, a concelleira de Educación, Carmen Varela, fixo un chamamento aos homes a que se sumen a esta loita. “A igualdade non se fai coas mulleres só, necesitamos dos homes” sinalou, ao tempo que felicitou ao CRA polo premio obtido e deu a benvida a As Berenguelas como asociación do concello.
No acto estivo tamén a concelleira de Benestar Social, Lupe Pombo, para quen a igualdade é algo que hai que traballar dende a infancia. Pombo, que valoraba moi positivamente esta xornada, considera que é necesario que as asociacións de Culleredo, como As Berenguelas, se involucren e estén concienciadas en que ten que haber unha igualdade efectiva e real xa que, así, entre todos, faremos máis doado chegar a acadar ese obxectivo. Pombo considera que si ben a administración pública ten moito que facer por esa igualdade real, a sociedade tamén ten que botar unha man.

Aprendendo das emprendedoras
Despois de traballar sobre as mulleres máis importantes das súas vidas, os 67 alumnos do CRA de Culleredo tiveron a oportunidade de coñecer a catro emprendedoras cullerdenses que están levando a cabo unha importante labor co seu traballo.
Deste xeito, coñeceron o traballo da granxeira Elena Feal que non dubidou en achegar unha cría de porco ata Celas para ensiñarlle aos cativos como se lle toma a temperatura a este animal, como hai que vacunalo cando está enfermo e mesmo que tipo de alimentación ten. Entre nervosos e alucionados, algúns atrevéronse a tocar un porco que, de vez en cando, berraba e facía sobresaltar a algúns pequenos do CRA.
Mentres uns descubrían o traballo de Elena, outros coñecían a Elena Ferro, unha zoqueira que lles explicou como elabora os zocos e como este calzado evolucionou co tempo, mostrándolles uns zocos de colores que fixeron as delicias de nenos e grandes.
Soraya Rumbo ensiñoulles como é o seu traballo como bióloga e mesmo lles permitiu recoller mostras para posteriormente analizar e, con Elvira Pose, que é pandereteira, os cativos puideron tocar a pandeireta e gardala nunhas fermosas fundas de tela que ela mesma confeciona.
A xornada, que se desenvolveu nos locais da Torre de Celas, tamén foi un día de esparcimento para os cativos que se achegaron en bus ata Celas, algo nada habitual para eles, e que puideron disfrutar do entorno da Torre mentras tomaban a súa merenda.

Tags: