A saúde importa

Foz Plataforma de Futuro (FPF) denunciou que nos últimos tempos se veñen producindo una serie de recortes nos servizos sanitarios do Centro de Saúde. Tamén algúns veciños se teñen queixado polos trastornos que ditos recortes lles ocasionan. 
O novo partido focense queixase de que o Centro de Saúde tiña un servizo con médico de urxencias ata as dez da noite e, dende fai uns días, “soamente é atendido polo especialista en consulta de pola tarde e un médico de reforzo un par de veces a semana e só ata as seis da tarde”. “Todo parece indicar que a partires do 18 de maio nin iso vamos ter, e haberá que desprazarse polas tardes ó Hospital da Costa” afirma Luis A. Sixto, líder da formación. “Ademais estanse a reducir os servizos de pediatría como consecuencia de non ter cuberto a redución de xornada solicitada pola pediatra”. 
Outras reclamación que fai FDF é o feito de que as revisións dos nenos, que antes eran anuais, agora pasan a ser, para os maiores de catro anos, cada dous anos. Os usuarios consultados por este xornal  amosáronse contentos en xeral co servizo do Centro de Saúde, aínda que admiten que os tempos de espera son, en xeral excesivos, sobre todo en pediatría. “O trato do persoal é moi bo, estamos moi contentos, o único problema é que os tempos de espera, ás veces son moi longos. Hoxe, por exemplo, veño coa nena de urxencias e xa sei que me vai tocar esperar” explica Cristina Melón.

As urxencias desaparecen
Fontes consultadas no mesmo Centro de Saúde confirman que o servizo de urxencias, como tal, desaparecerá proximamente. A cambio ampliaranse as prazas de médico de cota da praza actual a dúas prazas. Con estas prazas atenderanse as posibles urxencias ou, se é necesario, derivaranse ao Hospital da Costa, en Burela.
En xeral, os usuarios amósanse descoñecedores destes recortes que ninguén parece anunciar, só sofren os efectos. “Non sabía que a pediatra ten redución de xornada. Se quitan o servizo de urxencias teremos que ir ao PAC de Burela no que hai moita xente sempre e os tempos de espera son moi longos, ademais dos quilómetros do desprazamento, claro”, conta Eugenia Pérez. Outras persoas, como Verónica Retamal, séntense moi satisfeitas co funcionamento do centro, pese aos tempos de espera.

Tags: