A aprobación do PXOM queda á espera do novo equipo de goberno

O PXOM de Foz aprobouse inicialmente en maio do 2007 e, logo da fase de exposición pública en setembro de 2013, atopábase pendente da aprobación provisional en pleno. Estaba prevista para o pasado mes de febreiro, pero terá que agardar ata despois das eleccións municipais de maio. 
Para entón, pode ser que o documento deba someterse ao escrutinio dun novo equipo de goberno. “O PXOM é totalmente necesario para Foz”, di o alcaldable socialista Jaime Cancio, “pero non é este o noso plan”.
Cancio explica que o plan que estivo exposto foi obxecto de moitas alegacións e, a día de hoxe, só o PP coñece se foron resoltas no documento que se ía someter a votación en en febreiro. “Eu pregunteille ao alcalde no último pleno pola situación do PXOM e o que me dixo foi que viñeran uns informes de Medio Ambiente en contra. Cómo está o actual documento só o saben eles”, asegura o socialista. 

As “inxustizas”
Tanto o PSOE como o BNG denuncian “inxustizas” no documento que foi exposto en 2013. “Situacións urbanisticamente idénticas reciben solución diferentes, non deixando unha sola área do Concello no que o agravio comparativo non este presente”, di Lorena Seivane, candidata nacionalista. O BNG pon como exemplo que, no Camiño de Fogueiras, dúas vivendas lindantes son tratadas distinto, sendo unha delas excluída da área de solo urbano non consolidado e, por conseguinte, clasificado como solar; e a outra considerada de solo urbano non consolidado, quedando incluída no polígono polo que debería ser derruída.
Ao PSOE gustaríalle saber se no PXOM “que está no caixón” a macro depuradora aparece agora en Forxán ou en Fazouro, como propón o PP e tamén se pregunta “se o plan mantén a ordenanza 6, que se fixo para protexer licencias de edificabilidade en solares que nos que non se construíu e se reclamou a devolución da licencia”. 
Xa en campaña, os socialistas propoñen “recuperar o escrito dos grupos de traballo creados antes desta lexislatura e que o PP se cargou” para consensuar un plan que “tamén o sei, nunca vai ser a gusto de todos”, recoñece Cancio.
O BNG explica nun comunicado que “non imos dar por bo un PXOM que se fai con dúas varas de medir, unha para os poderosos e outra para a maioría dos veciños” e critica que “se cargue aos veciños a totalidade dos custos de urbanización ou reurbanización, abastecemento ou saneamento, ou dos sistemas xerais e das zonas verdes”.
Foz Plataforma de Futuro, pola súa banda leva no programa someter o PXOM a referendo de todas as persoas afectadas polo mesmo. “Se chegamos ao goberno o primeiro que faremos é sentarnos cos redactores e coas persoas que teñen fincas afectadas. Nós non imos aprobar nada sen antes sometelo a referendo”, afirma Luis Alfonso Sixto Legaspi.   

Tags: