O éxito dunha espectacular carreira a través do monte

O pasado domingo 3 de maio o Clube de Atletismo Lourenzá xunto coa comisión de festas de A San Lucas organizaron a TOXIZA CLASSIC XTREME; unha espectacular carreira de montaña que conseguiu reunir a 63 atletas, procedentes de localidades moi diversas, na praza da catedral de Mondoñedo dispostos a percorrer os montes máis emblemáticos da zona ( A Toxiza, A Pena da roca e a reserva natural de A Fragavella). A idea de organizar esta proba xurdiu cando a un membro do club atletismo Lourenzá que corre carreiras de montaña (Martín Pardiñas) e a un amante da montaña e das carreiras de montaña (Xan Rodriguez) se lles ocorreu unir os tres montes de Mondoñedo polos que adestran nunha proba de 40 km. Falouse co club de atletismo e coa Asociación As San Lucas para poñela en marcha. Aceptaron e puxéronse a traballar, explican.
“Contamos co mellor corredor de Galicia nestas probas que é Fernando Arca, que gañou a proba con un tempo de 3h 26´01´´”. Segundo quedou Dani Corvo (3h 28´06´´) e terceiro Fernando Cancelo Barbeito (3h 42´19´´).  Detrás deles outros nomes destacados como: Paco Gueimunde (3h 44´39´´), Siro Maseda (3h 53´14´´), Pablo López Calaza (3h 57´00´´) e o mindoniense Xoán Rodríguez (primeiro veterano en chegar á praza da catedral con un tempo de 3h 57´45´´).Só houbo unha participante feminina: Quirina Díaz (5h 43´55´´).
O tempo, que non axudou moito, non fixo decaer o ánimo destes valentes atletas que pouco a pouco foron chegando á praza da catedral de Mondoñedo, punto de partida e fin deste fermoso reto.

Tags: