Tralos pasos do Gardarríos

 

Conta a lenda que cando Luis Trigo Chao, fundador da Agrupación Socialista de Mondoñedo e secretario da mesma á altura de xullo de 1936, intuíu a sorte que podía correr ao comezar a Guerra Civil española, asegurou: “a min non me collen aquí pousado, terán que collerme ao voo”. Tiña entón 47 anos, e iniciou unha fuxida que remataría traxicamente doce despois.
O sindicato Nova Escola Galega vén de organizar na Mariña unhas xornadas para recuperar a figura do guerrilleiro antifranquista, 
coñecido como O Gardarríos polo emprego que exercía na zona 
de Mondoñedo. A historia de Trigo, cos seus moitos matices, é semellante á de centos de persoas que anticiparon o horror da sistémica represión franquista e decidiron, nun sentido literal, botarse ao monte para escapar dos paseos.
Algúns fixérono dun xeito puramente defensivo, mentres que outros, coma o Gardarríos, negáronse a renunciar a convicións políticas sólidas e agardaron ou prepararon un contraataque que non chegaría. Todos viviron como e ata que poideron. “Sobre os escapados hai unha visión moi mítica pero pasaron moitísimas privacións e foron perseguidos coma lobos”, explica o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal.
Luis Trigo Chao naceu en San Pantaleón de Cabanas en 1889. Emigrou novo a Cuba e á volta casou con Josefa Penabad, coa que tivo catro fillos —dous nenos e dúas nenas— e da que se divorciou. Marchou a Bos Aires e de regreso a Galicia, conseguiu o posto de gardarríos en Mondoñedo.
A finais dos anos 20, ao tempo que polo seu traballo se fixo 
popular na zona, participou activamente nun pleito veciñal por uns terreos de man común na contra do poder institucional. Cos anos tivo unha clara militancia socialista, escribiu en prensa e incluso barallou editar unha publicación.
Ao estalar a guerra fuxiu ao monte, nun principio na súa terra natal, para despois achegarse ás zonas nas que traballou como gardarríos. Hábil cazador e coñecedor do terreo, foi capaz de sobrevivir doce anos escapado grazas á súa experiencia e sobre todo á colaboración daqueles que o acolleron nas súas casas; amigos, parentes ou incluso quenes, nos tempos da fame, facían o favor por algunha recompensa. “Moitos deles pagaban pola acollida”, asegura o historiador Bernardo Máiz.
Semella que o Gardarríos impuña entre os falanxistas polo seu carácter e as súas habilidades como tirador, e hai quen o asocia co asasinato de dúas persoas, sen que haxa probas sólidas na súa contra.
Un verso libre na guerrilla antifranquista, Trigo nunca se sentiu cómodo —pola súa militancia socialista e tamén polo seu carácter indisciplinado— nun movemento capitalizado polo Partido Comunista, e aínda que tivo contactos con grupos organizados andivo principalmente por libre e só.

Historia de amor e morte
Alomenos ata que atopou a Antonia Díaz Pérez, unha moza que escapou con el aos 18 anos de idade e que o acompañaría até a a súa morte. O 25 de xuño de 1948 caeron presa dunha emboscada en Lourenzá e os dous foron asasinados. Facéndose pasar por guerrilleiros asturianos, unha brigada conseguiu gañar a confianza dunha das súas ligazóns, para así coñecer unha das casas onde se escondía.
Na madrugada, as luces do pobo estaban cortadas, e no oscuro rematou a balazos a historia do Gardarríos e a súa compañeira.

Tags: