O segundo volume da historia local editada polo Concello está xa á disposición dos ouroleses

O Concello de Ourol vén de editar o segundo volume dos libros de historia local do municipio, titulado Anacos da nosa historia. Cunha tirada de 560 exemplares, os ouroleses terán preferencia para facerse con eles e poderán recoller o seu no consistorio. Os nativos residentes fóra da zona poden tamén poñerse en contacto coas dependencias municipais para realizaren deste xeito unha reserva.
“É unha historia local feita coas achegas dos ouroleses e para os ouroleses, coa intención de que todos saibamos valorar mellor o que temos, que é moito”, indica Verónica Prieto Prieto, a autora deste último libro —para o que recolleu información durante case dous anos— e tamén do primeiro volume, publicado no ano 2011. Se no primeiro a autora afondaba en aspectos coma os oficios tradicionais, a emigración e as súas achegas ou a polémica do ano 1982 pola capitalidade do concello, así como no perfil das persoas máis sobranceiras da historia do municipio, no segundo volume ten máis protagonismo o patrimonio arqueolóxico, etnográfico e relixioso das oito parroquias, cun abundante catálogo de fotografías. Hórreos, fontes e lavadoiros, cruceiros, igrexas e vivendas indianas están ben documentadas.
Ademais, en Anacos da nosa historia hai un estudo sobre a prensa galega na emigración, con especial fincapé na figura de dous ouroleses, Andrés Prieto Pernas, corresponsal de ‘Vivero en Cuba’, e Secundino Cora, poeta publicado en A Gaita Gallega e fundador da ‘Revista de Galicia’. Tamén hai un perfil de Leoncio López de las Casas, nado en Foz e que exerceu como cura en Bravos. Escribiu poesía en galego e castelán e colaborou co ‘Heraldo de Vivero’ ou ‘El Progreso’.
Por último, hai unha entrevista con Ramón Blanco, natural de Xerdiz e afincado en Venezuela, lutier e alpinista.   

Tags: