"Na Pontenova, a afección ao mundo do motor é de sempre"

Manuel Díaz Fernández (A Pontenova, 1956) é afeccionado ao mundo do motor “dende pequeno”, explica. Unha paixón que trasladou á súa filla, Andrea Díaz Moirón, que comezou a correr en karting aos 7 anos. Anda estes días atarefado cos últimos preparativos da Subida Á Pontenova, que será o 16 e 17 de maio. 
- A Subida atrae a moitos pilotos e é unha das dúas probas preferidas. Por que?
- Din que pola amabilidade e o bo trato que lles damos. Tamén pola propia organización da carreira, a información dos tempos, etc. Ademais, a estrada préstase ben, é ancha e ten bo piso.
- Como naceu a Escudería e a idea de organizar a Subida?
- Hai seis anos xuntámonos un grupo de afeccionados e xurdiu a idea de facer unha proba. Pensouse nun rallye, pero é bastante caro e non estaba ao noso alcance.
- O orzamento da proba tampouco é pequeno, como a financiades?
- É duns vinte pico mil euros, sen contar as inscricións. Financiase coa axuda do pobo, co Concello, a Deputación e a Xunta. Tamén facemos unha cea baile, vendemos lotaría...Pero, sobre todo, coa achega dos veciños e dos negocios locais, que é fundamental. 
- Por que na Pontenova hai tanta afección ao mundo do motor?
- Non sei, pero é de sempre. Supoño que o Rally San Froilán, que hai anos pasaba por aquí, contribuíu a elo. Hai moita xente afeccionada e que tamén corre. Na subida do ano pasado participaron varios pilotos da Ponte: Pipo e  Óscar López, Carlos Losada, Benigno Martínez, Andrea Díaz, Enrique Lombardía e Luis Lourés (que está casado cunha rapaza de aquí). 
- Cal é o impacto económico deste evento para o pobo? 
- É difícil sabelo. Enchemos todos os aloxamentos e restaurantes da zona. O ano pasado chegamos ata Castropol e, polo outro lado, ata Lugo non quedaba un sitio onde durmir. Hoxe [polo 8 de maio], na Pontenova xa está todo reservado. Pero, para min, o máis importante é que damos a coñecer o pobo. Hai moita xente que despois volve, sobre todo xente da zona de Pontevedra que non coñece esta zona.
- Cantos pilotos hai inscritos?
- Iso ata o último momento non se sabe porque a xente apúntase toda nos últimos días e están pendentes de cómo lles vaia nas probas previas. É o caso de Sergio Vallejo.
- Son tramos son seguros para o público?
- Por suposto, cumprimos todas as medidas e hai ladeiras e espazo onde poñerse sen medo. Animo a toda a xente a vir gozar da carreira!