“A Pontenova, capitalidade da pesca”

A Festa da troita trouxo este ano un par de grandes alegrías para os afeccionados á pesca. Nas dúas anteriores edicións do Concurso do Salmón do Eo non se conseguira ningún exemplar, pero este ano cambiaron as tornas.
Alberto Carballo Gago, de Narón, conseguía o primeiro exemplar do concurso ao pescar un salmón prateado con cebo natural, foi no Lote 2 de A Pontenova. O animal pesou 5,8 kg. A última hora da mañá, Antonio Martínez Legazpi —Gayol— daba a sorpresa ao coller un animal de 10,2 kg. Atrapou este salmón no Lote 3 (Vides), proclamándose así gañador do concurso.
Esta é unha boa noticia para A Pontenova, xa que a presencia constatada de salmóns é un atractivo que atraerá a pescadores de toda España ao concello.