A Feira das Maulas de Galdo renova poder de convocatoria

A Feira das Maulas demostrou de novo que segue en plena forma malia superar os 300 anos de antigüidade e voltou xuntar en Galdo a centos de persoas para desfrutar do mercado gandeiro e das espectaculares probas federadas, ademais de música, deporte e gastronomía, cunha oferta de ocio variada e completa.

A cita, impulsada pola asociación de veciños Camiño de Galdo coa colaboración do Concello de Viveiro, ofreceu un programa de dous días. No primeiro, a gastronomía foi a protagonista principal, pois celebrouse a segunda edición das xornadas dos produtos do porco, unha recente novidade que conta cada vez con máis adeptos. Os asistentes poideron saborear panceta e chourizo servido polo bodegón Ponte de Pau. 
Pero o prato forte dos festexos foi sen dúbida o domingo, que garda todo o sabor da tradición coa apertura do mercado popular e a feira de gando.
As Maulas congregaron de novo a decenas de gandeiros de toda a comarca da Mariña e dalgunhas zonas da provincia coruñesa, que levaron gando fundamentalmente cabalar. Tamén houbo algunhas transacións, o que deixa un bo sabor de boca á organización pois cada vez abundan menos neste tipo de eventos.
Pola tarde disputáronse as probas federadas, para as que a asociación organizadora destinou 1.400 euros en premios. A primeira foi a carreira de cabalos, nas distintas modalidades: andadura a dous tempos, a catro tempos e de trotóns. Na primeira, o gañador foi Francisco Javier Santalla, con Ramón Carro ocupando o segundo posto e Lino Freire no terceiro lugar. Na segunda, o campión foi Fernando Mera, con Borja Rodríguez como subcampión e Lino Freire completando o podio. Finalmente, na terceira, Lino Freire superou a Ramón Carro e Leticia Otero. O cuarto clasificado foi Javier Friol.
No tocante ás probas non federadas, houbo tres competicións: andadura libre, carreira de cruzados e trote de trotóns. Os mellores da primeira foron, nesta orde, Miguel Ángel González, Víctor Fernández e Diego Martínez. Na segunda proba, Rubén Baladera impúxose a Jennifer Crego e Gabriel Iglesias rabuñou a terceira praza. Na derradeira competición, Pablo Caamaño foi o mellor, con Rubén Doce e Roberto Vázquez na segunda e terceira prazas.
A primeira evidencia atopada até hoxe das Maulas data de 1719. Máis de tres séculos despois, a feira gandeira de Galdo segue a seducir aos amantes dos animais e da natureza, e conserva todo o sabor da tradición.

Tags: