Salgueiro anuncia para o verán o comezo das obras do gas

O alcalde de Xove, o popular Demetrio Salgueiro, reuniuse a semana pasada nas dependencias do Concello co director xeral de Gas Galicia, Roger Serrat, e o xefe de construción da mesma empresa, Andrés Montero. O motivo da xuntanza do alcalde cos representantes da firma foi, segundo anunciou o goberno local a través dun comunicado, “coordinar o comezo das obras da rede de gas natural do núcleo urbán”.
No tocante ao inicio das actuacións, o Concello non ofreceu por agora non hai unha data concreta para o comezo do proxecto, pero a previsión que manexan o rexedor xovense e os representantes de Gas Galicia é que as obras para o abastecemento de gas natural empecen en poucas semanas, “a principios deste verán”, afirman.
Segundo asegura o goberno local, a obra vai supoñer un avance que “favorecerá aos veciños de Xove pois posibilitará que aquelas persoas que opten por utilizar o gas natural como fonte de enerxía para as súas vivendas teñan unha rebaixa no seu consumo, isto é, un gasto enerxético inferior.”

 

Tags: