Aberta a reserva de prazas para a escola infantil

O Concello de Xove, que xestiona a escola infantil do municipio, abriu o pasado 4 de maio o prazo para solicitar a reserva de praza no centro de cara ao vindeiro curso, o 2015-2016. Os interesados poderán presentar as súas demandas até o día 5 de xuño.
A documentación a presentar para certificar a reserva consta dun impreso de solicitude que será facilitado no departamento de servizos sociais, unha fotocopia do DNI dos pais, outra do libro de familia, o certificado de empadroamento colectivo, unha copia da cartilla da Seguridade Social, unha copia da declaración da renda dos membros maiores de idade da unidade familiar —ou outro documento acreditativo dos ingresos familiares—, un informe médico e o carné de vacinación actualizado.

Ciclos superiores
Por outra banda, o Concello vén de aprobar as bases para a concesión de bolsas para comedor e transporte do curso 2014-2015.  A cantidade que o Concello investirá nas axudas é de 4.500 euros e poderán beneficiarse das subvencións os estudantes de ciclos superiores existentes en San Cibrao, Viveiro ou Burela. As bonificacións para o transporte serán de 300 euros cada unha, e as de comedor de 240.
 O prazo de entrega das solicitudes remata o 6 de xullo e as bases están na páxina web municipal. 

Tags: