Semella, pero non todo quedou igual

Repasando algunhas cousas que escribín, ou pensei antes das municipais –e xa pasaron dous meses!- comprobo que non acertei en todo pero que tampouco errei en xeral.  Visto o acontecido interpretar agora resulta doado. Imos aló…
Houbo cambio, aínda que nalgúns casos sexan as mesmas caras ostentando o poder. É que non se lle pode pedir á cidadanía que provoque cambios cando non hai propostas serias que apoiar. En poucas ocasións se dera un ambiente máis proclive ás mudanzas. A xente estaba por arriscar. Iso, que había demanda. A cuestión é que en varios concellos da contorna o que fallou foi a oferta. E xa sei que o voto aos partidos consolidados segue a ser forte, máis detecto que entre os seus votantes tampouco hai un exceso de frustración por perder cotas de poder. Esa sensación que había de que “algo tiña que pasar” suaviza as frustracións e fai que, excepto nos directamente implicados, moito votante sinta que hai algo distinto. 
Claro que hai excepcións, pero poucas. Oleiros, Arteixo, Abegondo, Carral. Non son homologábeis, ben sei, aínda que poidan ter un denominador común na incapacidade de ofertar alternativas dende a oposición –ou dende fóra, novas.
Cambre volve á senda e supera unha lexislatura incomprensíbel. E faino volvendo a reunir na mesma mesa de goberno a quen non hai moito partillaban o mesmo carné. Un goberno de reencontros. Que non ten máis socios por esa estraña tradición na esquerda de non querer mollarse. Tradición en EU e, polo visto, novo camiño no BNG. Vai resultar curioso aprender como se fai oposición dende a esquerda á esquerda (falo de autodenominacións). Pero en Cambre houbo cambio, iso non se pode negar.
Culleredo continua o camiño iniciado hai catro anos. A escola socialista consolídase como nai de fillos con futuro. A tradición de concentrar a herdanza no escollido provoca a insatisfacción doutros coa “lexítima” e lévaos á procura de novos horizontes. Xa acontecera hai catro anos coa sorpresa  independente, nada do socialismo, cun discurso contestatario e reivindicativo de novidades. Acábase de demostrar que non sempre a unidade suma. En fronte unha pluralidade de propostas emerxentes, parte delas tinguidas na historia socialista común. E un PP e BNG nas horas máis baixas. As novas relacións e a dialéctica política que se desenvolva van ser interesantes de ver.
Bergondo e Betanzos manteñen tamén o “bastón” socialista. Con dificultades e con posibilidade de sobresaltos futuros. Hai algo que empuxa dende a sociedade pero que non dá callado. Como en Culleredo ou Cambre, hai demanda pero a oferta non acaba por atraer. Moito reparto. Como se a xente dixera: velaí tendes outra oportunidade!  
E está Sada, culminando un período convulso de doce anos e dando unha nova oportunidade á ilusión. Paradoxos da vida!, permitida pola mesma persoa protagonista do inmobilismo rancio e algún que outro acto político de esquecer. Unha nova etapa, inestábel pero curiosa. Hai partido.
Máis aló das dinámicas locais, sen espazo aquí para determe máis, haberá modificacións nas relacións comarcais. E será, ten que ser, distinto coa Coruña. Tres alcaldes do PP (tiña cinco), tres do PSOE sen maioría (exceptuando ao de Cerceda que si a ten), e tres de agrupacións locais de distinta procedencia. E un factor a ter en conta, unha alcaldía na Coruña que ten que deixar dunha vez por todas de ser o embigo do mundo e liderar á comarca metropolitana máis grande de Galiza. E non falo de consignas grandilocuentes, falo de transporte, de mapas escolares, de servizos sociais, de deportes,…
O mesmo reparto de deputados provinciais é sintomático, Marea Atlántica, Alternativa dos Veciños, entrando a disputar hexemonías tradicionais ten, necesariamente, que facer cambiar cousas. 
E dos meus?  Pois si, tamén teñen que cambiar.  
          Xabier Iglesias   
 (xabierdecambre@gmail.com
 Á volta do día da Patria