Ribadeo: A excepción nacionalista

Fenando Suárez, no centro, xunto aos membros da corporación de goberno

O salón de plenos do Concello de Ribadeo quedou pequeno o pasado sábado 13 de xuño durante a constitución da primeira corporación primeira con 17 edís (catro máis que en 2011 ao ter superado Ribadeo os 10 mil habitantes). É tamén a terceira lexislatura presidida polo alcalde nacionalista, Fernando Suárez. Único rexedor do BNG na comarca, trala caída de Orlando González en Mondoñedo.
O BNG acadara 1927 votos e catro edís en 2007 (que sumados aos tres do PSOE deran lugar a un goberno bipartito). En 2011, con 2689 votos e sete concelleiros, puideron gobernar en maioría. Unha maioría que quedou este ano fixada en nove edís. O BNG obtivo 2887 votos e dez concelleiros.
No seu discurso, de sete páxinas, Fernando Suárez agradeceu o apoio prestado pola a súa familia e o traballo realizado polos concelleiros saíntes do equipo de goberno: Xavier Campos, Teresa González e Horacio Cupeiro. O alcalde aludiu aos retos acadados no pasado mandato: a residencia de maiores de Ribadeo e o recoñecemento nacional e internacional que conseguiu o concello, entre outras cousas. No capítulo de obxectivos para os vindeiros catro anos, dixo: “Temos por diante un importante reto coa residencia de maiores. Estase a facer. Pero temos que lograr que a súa xestión acabe redundando positivamente nas nosas persoas maiores”.  Tamén falou da praia de Augas Santas (As Catedrais), das novas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías, do polígono industrial, “pero nunca deixaremos de valorar o que é o contacto directo tomando un café cun veciño, escoitando a unha veciña pola rúa, visitando un barrio o unha parroquia nun momento de apuro, acompañando a un colectivo oprimido nun acto de protesta contra algo inxusto”. 

A utopía
O discurso de Fernando Suárez fixo alusión ao escritor recentemente falecido, Eduardo Galeano: “A súa concepción da utopía é para min un canto á esperanza. Hai futuro porque nós podemos facer o noso futuro. Facendo camiño na procura da utopía sempre avanzaremos. Por iso é tan importante ter un motivo polo que loitar, un referente cara ao cal dirixirnos. Ribadeo: referente comarcal; porta norte da Galiza; porto que nos abre ao mundo enteiro”, dixo. E, como non podía ser doutro xeito, o alcalde tamén lembrou a un dos referentes galeguistas. “Como dicía o noso mestre Castelao: o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades e as ideas en feitos. Que así sexa. Saúde, Patria e que viva Ribadeo”. 

Tags: