Trabada: un cambio histórico

“O alcalde que había foi moito en contra nosa, sen facerlle nós nunca nada. Así lle foi. Fíxome tirar a obra da casa e agora o pobo tirouno a el”. 
- Quere que escriba isto?
“Si, quero que o poñas, e ademais gústame que o poñas. Deixoume a casa sen luz pública cando aos outros veciños si lla puxo”.
- E podo poñer o seu nome?
“Cristina Rodríguez, si”.
Así cambiou Trabada. Un pobo de apenas mil habitantes, no que todo o mundo se coñece e no que o poder non cambiara nunca de mans. Era difícil, por non dicir imposible, recoller en Trabada declaracións da xente que, falando libremente, dese a súa opinión sobre a actualidade do pobo. A única canle de comunicación na que se criticaba abertamente a vida política e social do concello —en especial as cuestións relacionadas coa Comunidade de Montes, presidida ata hai una ano por Daniel Villapol— era un blog anónimo chamado Está Pasando en Trabada. “Poida que agora este blog perdera sentido”, escribían o 25 de maio, tras coñecer que o PSOE gañara as eleccións.
 “Trabada era de dous”, di Benito García Gasalla. “Pero non fai falta poñelo, xa sabemos todos de quen era”. Benito ten case 90 anos; é “o socialista máis veterano”; empezou nos tempos de Carmiña de Xuga, a histórica socialista de Trabada, que estivo na memoria de moitas persoas o pasado 24-M. “Aló onde estea, verá a vosa vitoria chea de orgullo”, lle escribiron á xa alcaldesa, Mayra García, no Facebook do partido.
Sen embargo, é moi posible que parte do éxito de Mayra fose non ter tirado nin da confrontación nin da melancolía das derrotas pasadas, senón que construíu en positivo, dende a frescura e a amabilidade. Só así se entende cómo puido unha rapaza de 26 anos acadar o que ningunha candidatura anterior lograra: arrebatarlle a maioría absoluta ao PP nun pobo “moi machista” —según Rocha, outro histórico— e onde os últimos tres alcaldes foron populares: Celso Currás, que o foi durante e trala ditadura,  seguido de Ramón Villapol e, dende 1991 ata 2015, José Manuel Yanes Ginzo.
“Mayra gañou porque soubo conectar cos veciños, traballou moito e preocupouse por eles. Ademais, a xente viu que facía moi ben o seu traballo na cooperativa e que está preparada”, explican anteriores integrantes das listas do PSOE.

Tags: