Todo Cambia

Opinión. Perfecto Conde.— O meu querido norte de Lugo é como se acabase de saír aínda dunha longa noite de pedra. Por primeira vez, dende o franquismo, ten concellos coma os de Ourol, Alfoz, Trabada e Lourenzá aos que lles acaba de chegar o cambio. 
Non digo que ata agora non se libraran da ditadura, pero si que van estrear formas de goberno municipal que no resto de Galicia e de España xa se probaron dende hai 33 anos. Tempo era!
Lin nalgún xornal que ata houbo un dos alcaldes perdedores que lle botou a culpa da súa desgraza electoral ao desagradezemento dos seus concidadáns. É curiosa a maneira que teñen algúns políticos de patrimonializar a res publica. A xente ou está con eles ou está contra eles. E algo pior aínda, consideran que a xente débelles a pleitesía do agradecemento. O dereito de pernada, vaia. 
Se tapan as fochas das estradas, arranxan as pistas ou evitan que caia o tellado dunha capela non é para cumpriren o que debería ser o seu sagrado deber de favorecer as comunicacións públicas ou salvagardar o patrimonio, senón para carrexar votos que engorden as súas candidaturas. E, claro, sempre hai desagredecidos que lles viran as costas. Intolerable! Que é iso de darlle máis valor a un voto libre que a un quilo de alcatrán envorcado nunha corredoira? Debería haber algún xeito de correxir a estes amantes do libre albedrio. 
En fin, que ás veces as eleccións traen estas cousas. Ou cambia todo para que todo siga como estaba ou chega o cambio de verdade e daquela as cousas xa non volven a ser nunca como eran antes.