O alcalde, no foco da actualidade

O programa “Al rojo vivo” contactou con Campos en direto o pasado 25 de xuño

Nunca tanta expectación mediática desatara o alcalde da Pontenova nos oito anos que leva ao fronte do Concello. Algúns medios de comunicación quixeron ver en Darío Campos a faciana de desacougo que lle quedara a Rafael Simancas, candidato á presidencia da Comunidade de Madrid en 2003, cando se popularizara o termo “tamayazo” en referencia ao transfuguismo de dous deputados madrileños.
Pero ese paralelismo está moi lonxe da realidade, segundo os protagonistas. Primeiro porque Darío Campos non era o candidato oficial do PSOE a presidir a Deputación ata a noite antes do pleno de investidura. Si o era Manuel Martínez, militante díscolo e alcalde de Becerreá, que non aceptou o cambio e decidiu votarse a si mesmo, primeiro, e en branco na segunda votación.
Campos non ve na decisión de Martínez unha traizón, senón unha deslealdade. Unha “cabezonería”, que lle deu. “Ser presidente da Deputación converteuse ata nunha obsesión para el. E non quixo asumir que por moito que te empeñes nalgo ás veces non se cumpre... Porque na vida hai cousas que non están para un e non están, e hai que aceptalo”, explica Campos. 
José Ramón Gómez Besterio, líder dos socialistas galegos, tomara a decisión de presentar a Darío Campos como candidato de última hora porque o BNG (con quen era necesario pactar para quitarlle a Deputación ao PP) non cedía na súa negativa a votar a Manuel Martínez como candidato á presidencia por mor da súa imputación. 
A decisión do BNG, moi consecuente cos principios establecidos pola formación, foi tomada dende a nova Executiva Nacional, pero non era de agrado de moitos dos militantes da provincia, segundo afirmaron varias fontes. En ningún momento desexaron ver os dous deputados do BNG, Antonio Veiga (concelleiro en Barreiros) e Xosé Ferreiro Fernández (concelleiro en Outeiro de Rei) perdida a súa parceliña de poder provincial. O BNG, que sempre avogou pola desaparición deste organismo provincial, cuxo funcionamento “caciquil” criticaban con ferocidade nos anos de Cacharro Pardo, tiña en Lugo o número máis alto de asesores por deputado de Galicia. A Deputación de Lugo, en mans do bipartito, nunca fixo unha verdadeira renovación no seu funcionamento nin contraviu esa lóxica perniciosa de beneficiar máis aos Concellos afíns. En definitiva, os nacionalistas estaban esperanzados coa repentina candidatura de Campos, xa que lle permitía votar a favor dun goberno progresista na Deputación.
Sen embargo, de nada serviu que tanto Besteiro como Campos tentasen convencer a Martínez de que en canto o desimputasen, o da Pontenova lle cedería o bastón de mando. “Coñezo a Manolo dende hai moitos anos, non me cabe na cabeza que por unha cabezonería persoal prexudicase a tanta xente. Aínda espero que recapacite”, dicía Campos o 25 de xuño, horas antes de que Martínez ratificase que non ía dimitir. Non só iso: ofreceuse a unha moción de censura sempre e cando fose el o candidato a presidencia e chamou "talibanes yihadistas" aos dirixentes do BNG por vetar a súa candidatura debido á imputación por malversación de caudais públicos que arrastra, “unha imputación de merda”, sentenciou. 
Martínez foi nos últimos anos o responsable de Vías e Obras dentro do organigrama do ente provincial, no que leva como deputado dende 1999. Foi denunciado polo alcalde de Portomarín polo asfaltado dunha estrada, no Alto de Valiño. Todo está en mans de Pilar de Lara, xuíza instrutora do caso. De momento, o PSOE sancionará a Martínez, pero quere mantelo no grupo. É a única posibilidade de manter a esperanza dunha moción de censura. A Campos, o que máis lle preocupa é que Besteiro saia prexudicado de cara ás autonómicas.