Ventura, premio ao mérito deportivo

Ventura, no centro do podio, na Carreira Val das Fabas de Lourenzá

Manuel Valcárcel Lastra, “Ventura”, será galardoado o 5 de xullo coa medalla ao mérito deportivo que concede a Xunta de Galicia anualmente, xunto a outros 31 persoeiros e institucións. 
Ventura fundou a S.D. Albións e adestrou a multitude de pícaros e pícaras da zona, os “riguiletes”. Moitos aínda recordan cando carretaba neles no seu mítico “catro latas”. Xa en 2008 se lle fixera unha cea homenaxe en recoñecemento ao seu labor altruísta. O seu carácter e o seu humor convertérono nunha persoa unanimemente querida no mundo do deporte e tamén no pobo.
Ventura tamén desenvolveu unha inxente actividade cultural e de promoción do pobo, sempre de xeito desinteresado. El foi o impulsor do Baixeo e o pioneiro en reivindicar as posibilidades da Fraga das Reigadas, Vilarxubín, a Ferrería de Bogo e os sendeiros municipais dos que é sempre un excelente guía.