ENTREVISTA a Alfredo Llano, novo alcalde de Burela

Alfredo LLano (A Fonsagrada, 1955) xa fora alcalde de Burela entre 2008 e 2011, lexislatura na que gobernou co BNG. Tras unha paréntese de catro anos, retoma o proxecto de goberno.

- Na súa opinión, cales son as causas que fixeron que perdese a alcaldía en 2011 e cales as que posibilitaron que regrese agora en 2015?
- No 2011 atopabámonos nun contexto xeral de crise económica que foi determinante nas eleccións, así como o nacemento do 15-M, que animaba a non votar como xeito de protesta. Iso afectounos moito porque a xente máis de esquerdas e máis crítica non foi votar. De todas maneiras foron sete votos os que condicionaron o goberno municipal daquela. Eu penso que nesta ocasión o que se deu é unha especie de corrección do erro, un recoñecemento do labor que fixemos naquela lexislatura. Os votos do 2015 veñen a darnos a razón.
- Nesta ocasión acadou vostede a maioría absoluta. Esperaba unha vitoria tan ampla?
- Ben, había unha sondaxe que reflectía certa inclinación de voto favorable ao PSOE e unha alta valoración da miña persoa. Iso e o sentido de responsabilidade política foi o que me animou a presentar,e. Nestes catro anos que estiven na Deputación continuei moi atento aos intereses de Burela e mantiven a relación de tu a tu cos veciños, algo que se perdera con este alcalde [por José Mª González Barcia].
- O feito de poder gobernar agora en solitario, sen pactos, como afectará ao goberno?
-Eu a maioría absoluta vou aproveitala para favorecer a participación da xente. Esa é a miña idea. Non entrar como unha apisoadora no Concello, senón establecer mecanismos de participación e diálogo. 
-Qué tipo de mecanismos se establecerán para favorecer esta participación? 
- En Burela hai moito movemento asociativo e unha das cousas que queremos facer é, precisamente, darlles protagonismo ás asociacións, integrando as súas actividades na propia vida diaria do Concello.
- Poñerá en práctica a experiencia dos orzamentos participativos da Deputación de Lugo?
- Desde logo. Foi unha experiencia moi boa e moi positiva de cara á democratización das institucións. Era a primeira vez que unha Deputación poñía en marcha uns orzamentos participativos en España. Este tipo de iniciativas permítenche ver o que lle preocupa á xente e orientar cales deben ser as áreas prioritarias de gasto. En Burela temos que ver como o artellamos a través de reunións coas distintas asociacións.
- En que cre que se vai notar máis o cambio de goberno en Burela?
- En que todo o que se faga se fará de acordo coa lei. A transparencia e a información son vitais. Se queres que a xente participe, o primeiro que tes que facer é informar. Eu reunireime cos técnicos cada mañá, co interventor e co secretario, para coñecer o estado das cuestións e poder trasladalo aos veciños.
- Cal é a súa prioridade unha vez na alcaldía?
- O primeiro que quero facer é unha limpeza xeral, recuperar espazos, darlle a Burela un aspecto máis fresco. É como cando entras nun piso a vivir e queres poñelo ao teu xeito, personalizalo. O que nós queremos é impulsar o movemento social económico e cultural do pobo. Unha das nosas prioridades será favorecer o emprego xuvenil, porque eu son profesor e non concibo que a xente máis formada deste pais se teña que marchar porque aquí non hai oportunidades. Queremos apoiarnos nos plans de emprego da Deputación e da Xunta, e tamén desenvolver plans propios, facendo convenios coa ACIA e as  empresas locais.
- Burela é o concello da Mariña que máis medra e un dos que ten a poboación menos envellecida de Galicia. De aí que lle dea tanta importancia ao emprego xuvenil?
- Por suposto. Burela medrou moitísimo, isto é algo que eu puiden comprobar nos 25 anos que levo aquí. E se o fixo é porque había oportunidades de traballo e servizos, como o hospital, que atraeron xente nova que tivo fillos. O que hai é que seguir traballando neste senso, potenciando e protexendo dende a Administración os servizos, a sanidade e a formación. O que nós queremos é facer de Burela un lugar atractivo e agradable para comezar un proxecto de vida. Que sexa un pobo de oportunidades; convertelo nun referente xa non só na Mariña, senón na provincia.
- Pero Burela é pequeniño. Ten espazo para medrar máis?
- Si, Burela aínda ten espazo para medrar. Eu coñezo ben o concello, recorrino cos técnicos, case podo dicir que o perimetrei e hai espazos libres. As proxeccións de crecemento contempladas no PXOM indican que podemos acadar os 20 mil habitantes. Hoxe en día andamos polos 10 mil, non todos censados, claro, pero son datos que coñecemos polas tarxetas sanitarias.
- Xa que fala de sanidade. Cal vai ser a súa posición respecto ao Hospital da Costa? 
- Neste momento, o hospital atende unha poboación duns 90 mil habitantes, que medra durante o verán. Precisamente é nesta época cando a Xunta vai reducir camas. Nós non estamos nada de acordo con isto, precisamente porque moita xente ven pasar as vacacións a esta zona pola tranquilidade e a garantía que lle ofrece a existencia do hospital. Un hospital que funcionaba de marabilla e que están desmantelando non sei moi ben por qué. Nós queremos recuperar a área sanitaria propia para A Mariña e se o PSOE chega a Xunta nas vindeiras eleccións será unha condición que lle imos poñer.
- Cre que o “desmantelamento” do Hospital da Costa contribuíu á perda de voto do PP en Burela e na Mariña en xeral?
- Si, o PP parece que vai contra a xente: reduciron de becas, das axudas á dependencia, recortes en sanidade, en educación, a introdución do co-pago... Son políticas de desprezo á xente e os concelleiros do PP aquí actúan como se a cousa non fose con eles e non fosen todos co-responsables. Por outra banda, en Buela, a xente deuse conta de que nestes catro anos non se fixera nada e foi moi intelixente e unánime na súa resposta.
- Unha das cousas que si se fixo foi a aprobación do PXOM, que o PP presentaba como un dos logros da lexislatura. Non está de acordo?
- O Plan Xeral é un documento que comezamos nós a tramitar e facíamos unha cousa moi boa que era reunir aos veciños, comunidades de montes, asociacións... para dialogar e traballar xuntos. O PP o primeiro que fixo foi cortar a participación. Hai cousas do PXOM coas que non estamos de acordo, por exemplo, nós pensamos que o tramo de autovía Barreiros- San Cibrao non se ten que facer aproveitando a variante, o cal reduciría moito o espazo xa limitado que ten Burela, senón que a queremos canto máis ao sur mellor, incluso por detrás do Monte Castelo. Tampouco estamo moi de acordo coa distribución do solo dotacioal e preocúpanos a limpeza do encoro de Rúa e o emprazamento da EDAR (Estación de Depuración de Augas Residuais). Queremos ver agora ata que punto se pode adaptar o PXOM para beneficiar ao pobo.
- Tamén se empezou a construír a Escola Infantil e se prometeu a primeira Vivenda para mulleres maltratadas. Cal é a súa opinión respecto a estas dúas cousas?
- En canto á Escola Infantil, o Concello meteuse nunha competencia impropia e obrigou aos veciños a pagar o 40% dos gastos debido a unha mala xestión. Tampouco estou moi de acordo co lugar que se escolleu, pero agora xa foi e trataremos de facer que funcione o mellor posible. En canto á outra cuestión, cando fas unha cesión a unha entidade privada, como era o caso, primeiro tes que pensar cales son as necesidades do pobo, e hai en Burela moitos casos de desafiuzamentos, de xente que queda no paro e non pode pagar un aluguer e moitas delas son mulleres con fillos... Non digo que a cuestión do maltrato non sexa prioritaria, pero ás veces hai outras necesidades e son esas ás que hai que atender por riba doutros intereses.
- Vostede anunciou dende o principio que deixaría de ser deputado provincial do PSOE para centrarse en Burela. Se os intereses do seu partido chocan un día cos do seu pobo, que poñerá por riba?
- Eu milito no PSOE porque existen uns principios básicos, uns valores que eu comparto e que espero que non teñan que ser contraditos. Pero é certo que cando es alcalde o es de todos os veciños e tes que estar en función dos seus intereses e necesidades.
- En canto á dinamización cultural de Burela, qué ideas teñen?
- A xente nova, ademais de traballo, ten que ter opcións de lecer e unha oferta cultural atractiva que hoxe en día non hai en Burela. Queremos recuperar espazos neste senso: que haxa movemento cultural, artístico, musical. Imos facer proxeccións de cine no Auditorio e queremos organizar a Feira do Libro xa este ano se nos da tempo e senón para o que vén. Como xa mencionei, a nosa idea é integrar as actividades das asociacións no propio calendario institucional.
- Cales son ás áreas de traballo que establecerá o seu goberno para Burela?
- Temos definidas 30 áreas. En liñas xerais, parécenos prioritario apoiar o porto e a pesca como actividades económicas fundamentais. Tamén potenciar o comercio en colaboración coas asociacións de comerciantes, recollendo as súas ideas, e impulsar o Centro Comercial Aberto. En e  canto ao turismo queremos potenciar os valores dos areais e promocionar máis o pobo. E queremos darlle un empuxón ao Polígono do Berbés.
- Se algo diferencia Burela doutros pobos de Galicia é a paisaxe humana, con máis de 40 nacionalidades. Logo de tantos anos acadouse a integración da comunidade caboverdiana ou é un asunto aínda pendente?
- Hai moito por facer. A integración é un tema que nos parece moi importante, por iso decidimos crear a concellería de Inmigración e Cooperación, que contará coa primeira concelleira caboverdiana de Burela.
- Os dous novos partidos que se presentaron en Burela, Compromiso e Ciudadanos, non acadaron representación, por qué cre que foi así?
- Foron listas de última hora nas que non hai cohesión e máis que converxer diverxen. O que hai que facer en política é consolidar un proxecto, ter persoas que xeneren confianza. 
- E das “mareas” e Podemos que opina?
- O feito de que existan alternativas políticas é necesario e positivo para a democracia. E que se achegue á política xente con outras sensibilidades é bo, danlle nivel á cuestión política. Cando morreu Franxo xurdiron 50 mil partidos e despois vanse consolidando algúns. A xente está desexando algo distinto e, neste contexto, o PSOE, polo menos, trata de ser coherente. 

Tags: