O folclore invade o Carboeiro

Centos de veciños gozaron dunha agradable tarde-noite de música na terceira edición do Festival Folclórico Paseo do Carboeiro, que contou cunha excelente climatoloxía e actividade.
A festa comezou coa actuación de Buxos Verdes, grupo que o ano pasado non estivo presente por mor dunha actuación fóra de Galicia. A música e os bailes destes veciños de Senra e Cardama acenderon os ánimos dos asistentes, que despois continuaron a festa coas actuacións de Néboas no Cumio (Sigüeiro), que interpretou unha selección de habaneras e muiñeiras. 
Despois chegou o turno dun dos grupos convidados, Rancho Folclórico Sachadeiras de Várzea (Góis, Portugal), que sacaron ao escenario os utensilios de labranza propios da súa terra. Tras a actuación das Pandereteiras de Marantes subiron ao escenario Lembranzas do Tambre, que amosou o seu grupo de pandeiretas, gaitas, baile e baile infantil. 
A derradeira actuación da noite, antes da foliada e da churrascada final, correu a cargo dos Amigos do Acordeón (Sigüeiro-Oroso), que debutaban neste festival.

Autoridades
O evento estivo presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, que estivo acompañado por membros da corporación municipal local. Ademais, o Festival Folclórico contou coa visita dunha representación do concello portugués de Góis, encabezada polo presidente da Asemblea, José Antonio Pereira de Carvalho.

Tags: