Oroso destina 70.000 euros para mercar un tractor desbrozadora

Cos oito votos a favor de socialistas e nacionalistas, o pleno de Oroso aprobou unha modificación de crédito de 70.000 euros para mercar un tractor con desbrozadora e trituradora. O PP e Anova abstivéronse porque eses cartos eran para a construción do Centro Cívico de Oroso. Un centro que segundo o alcalde, Manuel Mirás, vaise facer aínda que non este ano.

O pleno, que se celebrou o 30 de xullo, comenzou con un minuto de silencio na memoria de José Candal, ex concelleiro de Oroso falecido recentemente. Na tanda de mocións aprobouse, por unanimidade, a dos socialistas en defensa do sector lácteo e, coa abstención do PP, a moción socialista de apoio ás festas populares e ao sector dos espectáculos que agora terán que presentar un proxecto para a celebrar unha verbena. O PP votou en contra da moción socialista contra a lei mordaza que foi aprobada por PSOE, BNG e Anova.

Non prosperou a moción do PP para incluir convocatorias, actas e gravacións do pleno na web municipal. Tamén se rexeitaron dúas de Anova, de apoio ao sector lácteo porque xa fora aprobada a do PSOE e outra sobre o valor dos terreos urbanísticos.

O pleno rematou cunha pregunta do PP sobre a modificación puntual nº 5 do PXOM. O alcalde, Manuel Mirás, asegurou que “cando a modificación estea aprobada, as vivendas que o soliciten poderán ser legalizadas” ao tempo que acusou a Alexánder Doval (PP) de enganar aos veciños e lembralle que no pleno da modificación puntual votou en contra desta modificación.

Tags: