O Cachopal e Ponte Arderís cumpren a maioría de idade

Dezaoito anos pasaron xa desde que foron inauguradas as áreas recreativas do Cachopal e Ponte Arderís, dous dos enclaves naturais máis frecuentados pola veciñanza de Oroso e por visitantes que queren gozar dun día de natureza e diversión ao aire libre.

Estas zonas verdes son xa maiores de idade e o Concello de Oroso continúa efectuando limpezas periódicas de maleza e lixo para mantelas coma o primeiro día. No caso de Ponte Arderís, incluso, a zona dispón dun punto de recollida de lixo propio.

O espazo do Cachopal sitúase á beira do río Maruzo, afluente do Tambre, e divídese en dúas áreas. A parcela superior destaca pola sombra dos piñeiros e a inferior está pegada ao río, onde poden observarse os prados con amieiros e carballos. O equipamento co que conta son seis mesas familiares de pedra, unha fonte e un colector de residuos sólidos urbanos, ademais de bancos en zonas de sombra situadas estratéxicamente.

O principal atractivo do Cachopal, segundo indican desde o Concello, é o seu muíño, que foi restaurado en 1996 e que pode visitarse por dentro. Preto de alí, na parroquia de Senra, atópase a área recreativa de Ponte Arderís, ubicada na beira doutro dos afluentes do Tambre, o río Samo. Destaca pola presenza dunha ponte peonil paralela á do tráfico rodado e rehabilitada nos últimos anos e pola abundancia de sombra grazas aos seus amieiros, carballos, bidueiros, castiñeiros e mimosas.

Barbacoas e xantares
Conta con cinco mesas de pedra medianas “idóneas para comidas familiares”, din desde o Concello, aínda que para grandes grupos existen espazos libres para instalar mesas portátiles. Tamén hai instaladas dúas barbacoas de estilo rústico, que se integran perfectamente na zona. A poucos metros de alí sinalízase o acceso á zona de baño do río, cunhas escaleiras de pedra natural que levan a un recanto no que as augas baixan tranquilas e onde hai escasa sombra, polo que se converte nunha piscina natural moi concorrida no verán.

O goberno local de Oroso traballa para ofrecer aos veciños a maior cantidade de espazos lúdicos ao aire libre posibles, tendo en conta o esforzo que supón mantelos en perfecto estado de conservación. Outras áreas naturais locais son a Illa do Refuxio, A Penateixa e a do Rego Tellado.

Tags: