Resolver o mundo nun bar cun amigo

“Resolver o mundo nun bar cun amigo” é unha noble e importante actividade que cómpre exercer de cando en vez, nunha época do ano como esta na que apetece meterlle un grolo. É así, desta forma tan clara e precisa, como me presento diante de vostedes, facendo bo un compromiso que adquirín con El Entorno Metropolitano hai nada, por aquelo de dar un pouco de leria ao persoal. De tódolos xeitos quero advertirlles que se as historias que aquí vou contar non lles gustan, non se preocupen demasiado. Eu tamén son deses que teño outras. Estou modernizándome moito.

Isto vén a conto porque un servidor estivo resolvendo o mundo nun bar, neste caso cuns cantos amigos. Amigos que tamén se fan incluso exercendo en política. Desos que aínda quedan, bos e xenerosos, por raro que poida parecer.
Aquel día, entre leria e leria e nun abrir e pechar de ollos, pasouse a falar de política internacional; porque hai que dicilo claro: cando un se pon a resolver o mundo non se pode andar polas ramas nin con menudencias. Hai que ir ao grande, nada de caralladas. Así é como saíu á palestra o personaxe polifacético e político alemán de nome Otto Eduard Leopold von Bismarck-Schönhausen, que para non complicarnos moito a vida, e máis que nada por min á hora de ter que teclealo de novo, imos chamarlle Von Bismarck que ademais queda así como máis familiar.

A este personaxe de finais do s. XIX, percusor do estado alemán moderno, outórgaselle a autoría dunha expresión que ten certa “chicha”, a cal escrita queda así: "Estoy firmemente convencido de que España es el país más fuerte del mundo. Lleva siglos queriendo destruirse a sí mismo y todavía no lo ha conseguido". 

Esta perla espetoulla, ao parecer, a un alto cargo do goberno español que o visitaba oficialmente, a cal vista así a bote pronto parece non ter desperdicio. Analizando o piropo en cuestión, ata case dá a sensación de que este home xa sabía algo de nós, o cal de por si xa ten moitísimo mérito.

Houbo división de opinións, como cando había corridas de touros, pero chegouse á conclusión de que se este home vivira hoxe, e no caso de poñerse a resolver o mundo nun bar cun amigo, sería dos que o faría tomando unha cervexa. Marcharía escopetado para o seu país morto de envexa ao comprobar como, sen darnos nin a mais mínima importancia, somos os melloriños en apagar lumes, e quedaría abraiado pola capacidade que temos de esquecer todo, incluso o que aconteceu hai nada de tempo, haxa lumes ou non e sen queimarnos nada!