Mesía, o concello con menos nacementos da comarca de Ordes

O ano 2014 non foi un bo ano para Mesía en canto a nacementos se refire. O municipio pechou o exercicio co número máis baixo de novos veciños en toda a comarca de Ordes, con só nove nacementos ao longo do ano.Destes nove meniños, tres foron varóns e o dobre foron mulleres, unhas cifras similares ás que move o concello de Tordoia —con cinco nenos e seis nenas ao longo de 2014.
Como vén ocorrendo desde fai anos, a demografía dos municipios eminentemente rurais diminúe ano a ano e a súa poboación é cada vez máis avellentada. Así, nos veciños territorios de Trazo naceron en 2014 once nenos e seis nenas —exactamente as mesmas cifras que en Frades— e en Cerceda viñeron ao mundo dez nenos e dezaseis rapazas.

Núcleos moi poboados
Por suposto, Ordes e Oroso son os dous núcleos máis poboados da comarca de Ordes e iso repercute, tamén, nos seus índices de natalidade. O municipio de Oroso sumou en 2014 un total de 39 nenos e 36 nenas, mentres que o seu veciño Ordes engadiu ao seu censo 51 rapaces e 58 rapazas.Mesía sitúase no último posto da táboa de natalidade na comarca, unha situación á que non axuda o clima de migración da xuventude cara ao estranxeiro.

Tags: