Bernardo Máiz: “Seguimos gobernados por xente con mentalidade de verdugos”

A praia de Abrela, en O Vicedo,  que en 1946 viu marchar cara o exilio a unha vintena de guerrilleiros; o lugar de O Candedo, en Ourol, onde foron asasinadas as as catro irmás Casabella; ou as conserveiras de Celeiro, en Viveiro, cuxas obreiras foron vítimas de agresións sexuais cando os fascistas tomaron Viveiro o 21 de xullo de 1936, son parte da xeografía mariñá da resistencia ao franquismo e a súa conseguinte represión sanguenta. O VI Seminario sobre a Memoria, organizado polo colectivo Nova Escola Galega, afondou nesta súa edición de 2015 na experiencia dos que resistiron coas armas. As xornadas percorreron  O Vicedo, Ourol, Mondoñedo, Lourenzá ou Viveiro, municipios chave para entender a historia dos que se botaron ao monte. Xuntaron, ademáis, a investigadores como Carlos Nuevo Cal, Odette Martínez ou Bernardo Máiz (Ferrol, 1950) -autor de Galicia baixo a II República e baixo o franquismo- con figuras vivas daqueles anos, coma o guerrilleiro Francisco Martínez, Quico.
“Hai enormes masas antifranquistas e por iso hai as mortes que hai. A Galicia de febreiro do 36 en diante é prorepublicana e antifascista”, explicou Bernado Máiz, que presentou ademáis o documental A cidade da selva. O historiador aproveitou para entonar unha chamada á memoria: “Seguimos goberndos por xente con mentalidade de verdugos”, lamentou, ademáis de lembrar o peche en falso dos 40 anos de ditadura. “A guerrilla non derrotou a Franco, pero tampouco o derrotamos nós”, remachou.
A xornada coincide no tempo co percorrido mariñán de O Piloto, un documental asinado por Xosé Reigosa sobre  o guerrilleiro José Castro, o último morto no monte, xa en 1965. Chegará ao Cenima de Foz o 29 de maio. Ademáis, o día 24, o investigador Arturo Mogo expuxo na Casa das Letras de Ribadeo as súas investigacións sobre a guerrilla na zona de O Valadouro e Antonio Caeiro presentou o seu documental A volta dos nove, no contexto da exposición A ditadura franquista:40 anos de represión e resistencia. Todo elo arredor dun Día das Letras Gelegas que trouxo polémica pola escolla de Xosé Filgueira Valverde como homenaxeado.