Un decembro de deporte e solidariedade

Como xa vén sendo característico en Mesía, o municipio volve volcarse este mes de decembro coas familias máis necesitadas. Así, para o sábado 26 está previsto o Torneo Infantil Mesía Solidaria e para o día seguinte o VIII Torneo de Fútbol Sala “Mesía contra o Cancro”.
 O municipio sérvese do deporte para concienciar á xente da necesidade da súa axuda. O torneo infantil servirá para recadar alimentos —que serán doados a Cáritas— e achegas económicas —para a Asociación de Persoas con Discapacidade Amarai de Boimorto—. O prezo da inscrición e da entrada para ver o torneo é o mesmo: 1 quilo de alimentos por participante e persoa do público.
O Torneo de Fútbol Sala, o día 27, destinará o recadado —hai unha hucha de doazóns no Concello ata o 24 de decembro e estará dispoñible no pavillón o día do torneo— á Asociación Española contra o Cancro. Toda a información, na web e Facebook Deporte Concello Mesía.

Tags: