O pleno aproba a modificación do PXOM sobre o enlace sur da AP-9

A corporación de Oroso aprobou inicialmente a modificación número 5 do Plan Xeral de Ordenación Municipal, relativa ao enlace sur da autopista AP-9.

O pleno resolveu as alegacións presentadas durante o novo período de exposición pública que se abriu despois de que a Xunta reclamase en xullo que se compensase a zona verde que se perdía no polígono industrial con motivo da construción do enlace sur da autopista en Sigüeiro. A proposta do Concello foi aprobada cos oito votos a favor de PSOE e BNG e obtivo cinco votos en contra do PP e Anova.

Beneficio para os veciños
O alcalde, Manuel Mirás, insistiu en que “todos os informes sectoriais están claros e completos. A Consellería, que é quen dá o visto bo á modificación, tan só dixo que tiñamos que conseguir tantos metros de zona verde noutras zonas do Concello como o que se utilizaban do polígono para construír o enlace sur”. Mirás lamentou que “haxa quen pretenda embarrar o campo e dicir barbaridades cando é unha modificación que mellorará a calidade de vida de moitos veciños”.Entre outros asuntos tratados no pleno de novembro, a corporación aprobou —con sete votos a favor do grupo de goberno— a Conta Xeral de 2014. Mirás asegura que “as contas de Oroso están moi ben” e indicou que hai un superávit de 471.216 euros.

Tags: