O Concello aposta pola intervención artística nas fachadas da vila

O Concello de Ribadeo quere seguir o exemplo doutras vilas e cidades que apostaron pola arte como intervención para embelecerse. Para iso, convocou o concurso “Arte nas paredes”, cuxo primeiro espazo a intervir é un inmoble da avenida Rosalía de Castro, que fai esquina con San Roque. A temática a plasmar deberá estar obrigadamente relacionada co auxe socioeconómico e cultural acontecido desde mediados do século XVIII e ata principios do XX en Ribadeo, tendo en conta o carácter comercial da vila e o legado da emigración. Os artistas que o desexen poden presentar os seus bosquexos ata o 22 de xuño. A obra gañadora terá que pintarse nesa fachada. Os gastos de instalación e os materiais necesarios para a súa realización correrán a cargo do Concello. A obra deberá cubrir unha superficie duns 200 metros cadrados.
O alcalde, Fernando Suárez, agarda que esta iniciativa contribúa a facer de Ribadeo un lugar atractivo no que a vila en si sexa tamén unha estampa e unha obra de arte viva e natural”.

Tags: