Aprobados os orzamentos sen o voto do PSOE

O pleno do Concello de O Pino aprobou os orzamentos para o ano 2016 cos votos a favor do Partido popular, a abstención do Bloque Nacionalista Galego e os tres votos en contra do Partido Socialista. Segundo o alcalde, Manuel Taboada, “estas contas —que ascenden a 3.758.661,66 euros— garanten a prestación dos servizos públicos esenciais dos veciños, potencian as inversións e a produción de bens públicos de carácter preferente”.
Dentro do orzamento, o goberno popular destaca entre as partidas a dedicada ao gasto social, que presenta un incremento do 27,74% respecto ao 2015.Para este 2016, sinalan desde o Concello, destinaranse 382.464 euros a inversións reais a través do Plan de Acción Social (PAS) da Deputación. Entre outras cousas acometeranse os proxectos de acondicionamento exterior do local sociocultural de Santiso (Castrofeito), construción de parques infantís en Castrofeito e na praza de Forcarey (Arca), parques biosaudables en Budiño, Cerceda, Pereira, Pastor e Cebreiro e accesos peonís ao local social de Budiño, ao tanatorio de Arca e a outras instalacións. O plan aprobouse cos votos a favor do Partido Popular e do BNG e os votos en contra dos tres concelleiros do PSOE. O pleno aprobou por unanimidade as obras incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación, que suporá obras de mellora en camiños e zonas públicas do concello.

Tags: