Cincocentos graos de area

O Concello de Cervo impulsou unha nova edición, a vixésimo segunda, do Día do Xubilado, unha data sinalada no calendario municipal que xuntou o primeiro de maio a máis de 500 persoas na Praza dos Campos de San Cibrao.
A celebración serve como recoñecemento ás persoas do municipio que traballaron durante décadas para axudar a construír a sociedade actual. O Concello valorou o seu esforzo e entregou unha peza da cerámica de Sargadelos a cada un dos participantes, a xeito de agasallo.
A cita tamén é, cada vez máis dado o seu poder de convocatoria, un punto de reencontro con veciños e vellas amizades, que comparten mesa nunha carpa habilitada na Praza dos Campos sancibrense. Varios autobuses percorreron as parroquias do municipio para recoller aos maiores e facilitarlles a posibilidade de acudir á festa.
O programa do Día do Xubilado incluíu unha misa solemne no pavillón da Veiga, en San Cibrao, cantada polo coro Terra Mar. Cada parroquia achegou na eucaristía un elemento relixioso característico, de xeito que todas estiveron representadas.
A continuación houbo unha sesión vermú, que supuxo os prolegómenos para a tradicional comida de fraternidade e un baile con música en vivo. Unha verbena puxo o remate ao día de festa para os participantes.

Tags: