Os xenerais da Ulla invadirán Touro

Un ano máis chegan a Touro os xenerais da Ulla, que serán os protagonistas no entroido de Bama o último domingo de xaneiro, no desfile da Feira do Entroido o día 5 en Fonte Díaz e no martes de entroido da parroquia de Fao, o día 9.
Os xenerais da Ulla, que lembran a batalla entre o xeneral amotinado Solís e o xeneral que capitaneaba as forzas leais á raíña Isabel II, representarán enfrontamentos verbais sobre a situación política en España e no resto do mundo e entoarán as súas coplas de “parranda”.
Os xinetes chegarán o día 5 a Touro e participarán nunha xuntanza diante do Concello ás 12.30. Ese día, os visitantes e veciños poderán degustar produtos típicos de entroido nos locais hostaleiros do municipio.
O remate do entroido será o martes 9 na parroquia de Fao. Ás 16.00 dará comezo a festa e, de novo, estarán os xenerais da Ulla. Non faltarán “a vellada” e os consellos de frades. 

Tags: