Oroso premiará os mellores traballos sobre o Camiño Inglés

O Camiño Inglés é un dos atractivos dos que presume o municipio de Oroso e por iso o goberno local quere premiar aqueles traballos de investigación que afonden nesta ruta xacobea.

Será a través do I Certame de Traballos de Investigación do Camiño Inglés, un concurso aberto a calquera persoa que desexe participar e que terá tres categorías: investigadores, peregrinos (diarios de peregrino e experiencias persoais) e menores de 18 anos.Os traballos deberán versar sobre esta variante do Camiño de Santiago tanto en Galicia como noutras partes, e terán que ser orixinais e inéditos. Poderán estar escritos en galego, castelán ou inglés e entregaranse no centro cultural de Sigüeiro, en formato papel, ou mediante o correo cultura@concellooroso.com, en versión dixital. A data límite de presentación é o 31 de marzo.

En canto á extensión, os investigadores deberán redactar un mínimo de 18.000 caracteres, os peregrinos un mínimo de 5.000 nos seus diarios e os menores de 18 anos 2.500 caracteres. Entre os premios atópanse 1.000 euros, tablets, ceas e estancias en Oroso, unha enciclopedia e unha viaxe ata A Coruña ou Ferrol para facer o Camiño Inglés, entre outros agasallos.O Concello de Oroso quedará cunha copia dos traballos presentados, que pasarán a formar parte dos fondos propios do Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés (CEICI), outra iniciativa do Concello para traballar nesta vía xacobea.

Tags: