O PAS 2015 conta cunha partida para o arranxo de centros sociais

A Agrupación Socialista de Trazo celebra que conseguiu incluír no Plan de Acción Social 2015 da Deputación da Coruña a súa proposta de arranxar os centros sociais do municipio, en especial o ubicado en Restande.
A voceira municipal, Beatriz Somínguez, indica que “o centro social de Restande atópase en moi mal estado e precisa melloras na fachada, no seu interior, na cuberta e na súa contorna”, polo que celebran “que se vaian investir 60.340 euros neste proxecto, así como outros 185.000 euros no acondicionamento dos centros de Morlán e A Brea”.
Os socialistas lembran que presentaran o pasado 27 de outubro a súa proposta de actuacións necesarias para as convocatorias do PAS 2015 e do Plan de Obras e Servizos (POS 2016) da Deputación. Ademais dos arranxos nestes centros sociais, o PSOE tamén pediu e logrou unha partida para o acondicionamento e mellora da estrada de Cerqueira a Ponte, na parroquia de Chaián.
 Os socialistas valoran positivamente que o alcalde, José Dafonte, “fixera caso e destinase todos os cartos a obras e non a gasto corrente”. Por outra banda, tamén solicitaron en pleno ao rexedor “que explique cantos cartos ingresa o Concello polo aluguer dos terreos a cantinas, pulpeiros e xogos durante as festas de San Mateo de Vilouchada, así como os criterios que utiliza para adxudicar o espazo nesa festa”.

Tags: