A Xunta afirma que a ampliación da piscifactoría de Cuíña xerará 76 empregos

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou durante a presentación das candidaturas do Partido Popular na Mariña, un investimento de 24 millóns de euros para a compra de terreos e a ampliación da piscifactoría de Cuíña, o que suporá xerar 76 postos de traballo entre directos e indirectos.
En concreto, e segundo as previsións do goberno galego, serán 26 empregos directos e outros 50 indirectos que se repartirán nas dúas plantas que a filial española do grupo noruegués Stolt Nielsen ten no polígono de Cuíña, unha delas adicada á cría e engorde de rodaballo e outra á de linguado. Na primeira, o incremento dos postos de traballo ascenderá a 13, oito directos e cinco indirectos, e na segunda será de 63, 18 e 45.
No tocante ao terreo gañado coas ampliacións, a Xunta de Galicia fala de 6.140 metros para a planta de rodaballo —con catro millóns de investimento— e outros 23.400 para a de linguado 
—con 20 millóns de achega—.
Os traballos de ampliación das dúas plantas durarán uns 18 meses, segundo asegura o Goberno galego, que sostén que as actuacións suporán tamén durante este intervalo de tempo a creación de máis de 100 postos de traballo.
Stolt Nielsen, o principal produtor de rodaballo en Galicia, mercou a planta cervense a Acuidoro a finais de 2012 coa intención de potenciar a cría de linguado, que nos últimos anos cobrou un importante peso. 
Segundo afirmou entón a firma, a nave de Cuíña xogaría un papel básico para no tocante a esta especie, ao supoñer o principal foco produtivo da multinacional na comunidade autónoma, aínda que Islandia é a primeira aposta da compañía norueguesa.  

“O polígono, en auxe”
O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, entende que a compra de terreo por parte de Stolt Nielsen demostra que “o polígono industrial de Cuíña está en auxe como espazo empresarial, aberto ao crecemento, ao desenvolvemento económico e á creación de emprego”.
O rexedor cervense cre que a ampliación está relacionada “coas facilidades dadas pola Xunta de Galicia para promover o asentamento de empresas, como é o caso da baixada do prezo do solo industrial”.
Para o primeiro edil, a compra de terreo demostra que Stolt Nielsen “ten un claro interese por asentarse en Cervo” e supón “unha nova moi importante para o noso municipio, que fala de emprego e de futuro para o concello”.

Tags: