O Plan Xeral está máis preto

A falta de que Patrimonio emita o seu informe favorable, desde o Concello sinalan que só resta a memoria medioambiental para aprobar provisionalmente o primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal de Frades. Un documento que o goberno local presentou o pasado 30 de decembro na Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para a aprobación da devandita memoria, último trámite administrativo para conseguir sacar adiante esta PXOM despois de anos agardándoo.
Segundo explican desde o consistorio, na actualidade a ordenación do solo no municipio réxese polas Normas Subsidiarias e Complementarias da Provincia da Coruña, “o que limita tanto o crecemento da zona urbana de Pontecarreira como das vivendas unifamiliares dos núcleos rurais e creou diferenzas no ordenamento urbanístico de Frades”.

Abastecemento de auga
O alcalde, Roberto Rey, sacou o tema do PXOM a relucir nunha reunión que mantivo coa conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, para solicitarlle colaboración na tarefa de levar o abastecemento de auga ás parroquias de Añá, Moar e Céltigos.
Este proxecto está orzamentado en algo máis de 775.000 euros. Roberto Rey explica que se trata dun traballo “que reduce o gasto inicialmente previsto, amplía o número de veciños beneficiados e permitiría completar o abastecemento de auga en todo o municipio”, unha das accións prioritarias que quere levar a cabo o goberno popular durante o seu mandato.
O alcalde fradense apunta que xa presentara este proxecto en febreiro de 2015 á anterior conselleira, Ethel Vázquez, quen falara da posibilidade de asinar un convenio de colaboración a tres bandas, implicando a outra administración máis para facer fronte a este “importante investimento”. O alcalde Roberto Rey tamén propuxo a Beatriz Mato, durante a súa reunión en San Lázaro, que esta actuación se acometa por fases e en diferentes anualidades.

Tags: