Miguel Iglesias: «Levamos desde finais dos 90 coa filosofía de facer rock en galego»

Fai dúas décadas, varios amigos de Mesía, Boimorto e outras zonas limítrofes decidiron xuntarse para pasar o rato tocando cancións. Unha cousa levou a outra e naceu Ith, banda de rock que está presentando por toda Galicia o seu último disco, “Forte”.

 - Cando se formou o grupo? Como xorde a idea?
- Formouse a finais dos 90 e a idea xorde cando catro rapaces nos xuntamos para facer o que máis nos gusta. Pasou bastante tempo dende aquela e polo grupo fomos pasando xente diferente. Agora estamos nunha etapa nova, diferente pero cos mesmos principios, facer rock en galego.
- Que influencias teñen?
- De todo, sería para nós case imposible enumerar todos os estilos que en maior ou menor medida fan marca na nosa música ou na nosa forma de facer música. Ademais os gustos van cambiando e a cada paso imos atopando influencias diferentes.
- Están presentando o seu disco, “Forte”, elaborado íntegramente cos seus medios. Onde foi gravado?
- En Curtis, no antigo bar O Bodegón. Era acústicamente moi axeitado e estaba preto da casa. Levamos para alí os bártulos e traballamos sen présas.
- Que pode atopar o que escoite este traballo?
- Trece cancións que elaboramos ao noso xeito, como comentabamos, sen présa. Son cancións que, para ben ou para mal, só lle demos a REC (gravar) cando estivemos totalmente convencidos.
- Como compaxinan a xira e os concertos cos traballos?
- Como podemos, unhas actuacións cadran mellor que outras, ás veces temos que andar algo a carreiras, pero polo de agora fixémolo ben.
- Poderían vivir da música?
- Non… Non estamos no mellor sitio nin nos mellores tempos…
- Que opinan dos ‘crowfunding’ na música, tan de moda actualmente?
- Son novos métodos que axudan a poder botar adiante moitos proxectos, non só musicais, é posible que se estile cada vez máis.
- Son de Mesía, Boimorto… existe carteira de músicos nesas zonas? Cal é o panorama deste sector, máis alá do éxito que ten o Festival da Luz?
- Non hai moita carteira de músicos, somos poucos, sempre o diremos así porque cantos máis mellor… pero por desgraza a realidade actual deixa ver que somos poucos.
- Combinan os concertos eléctricos cos acústicos en escenarios como librarías. Canto teñen de literario os seus temas? Inflúelles algún autor ou algunha autora?
- En realidade non é que nos inflúan autores en concreto, as nosas letras non veñen incentivadas pola forma de escribir doutras persoas, senón que os alicerces destas son as nosas experiencias vitais, as nosas preocupacións e as nosas ansias. Entendida a literatura como a "arte que utiliza a palabra escrita ou oral como medio de expresión" (dicionario da RAG), non podemos negar que as nosas letras teñen moito de literario.

Tags: