Os transportistas de Sogama manterán as medidas de presión

Continúa o conflito laboral entre Sogama e os transportistas de Pellejero, que celebraron unha asemblea para tratar o tema e resolver, finalmente, que non se suspenderán as medidas de presión “ata que se asinen os contratos”, explican nun comunicado.
As concentracións son diarias na planta de residuos de Cerceda e segue a folga, mentres que os empregados de Pellejero foron apoiados por todos os municipios da Mancomunidade de Ordes.
 Os traballadores responsabilizan a Sogama, Xunta e Partido Popular de “terse que ver na situación de aceptar chantaxes, ao ter permitido que unha empresa faga negocio con diñeiro público a conta do seu sustento e pretendera precarizar as súas condicións de traballo dunha maneira tan brutal”, sinalan.
O domingo 21 tivo lugar en Ordes unha manifestación na que participaron centos de veciños dos concellos da comarca, na que os transportistas animaron a “non baixar a garda ata que non se concrete a solución, para que ninguén se teña que ver nunha situación coma esta porque haxa quen queira facer negocios cos cartos públicos”.

Líder en eficiencia
Por outra banda, o presidente da empresa vén de publicar o balance de actividade durante o ano 2015, un exercicio no que se bateron récords de produción en reciclaxe, tratamento de residuos e elaboración de combustible, entre outros sectores.
A planta de reciclaxe superou a súa capacidade de deseño e chegou a tratar preto de 584.000 toneladas de residuos, mentres que as plantas de coxeneración e valorización superáronse, tamén, en eficiencia enerxética. De feito, explican desde a empresa cercedense, a termoeléctrica logrou ser a de maior eficiencia e produción das dez infraestruturas destas características que existen en España. A enerxía xerada en Sogama, lembran, equivale ao 11% da consumida polos fogares galegos.

Tags: