O goberno logra aprobar o primeiro Plan Xeral da historia do municipio

Unanimidade no pleno municipal fradense na aprobación provisional do primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal, que agora será trasladado á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para a súa aprobación definitiva, logo de contar con todos os informes sectoriais favorables. O alcalde, Roberto Rey, explica que “co novo Plan Xeral poderemos conceder licenzas para novas vivendas, pois estabamos nunha situación de bloqueo dende o inicio da tramitación do Plan. Espero que a saída da crise económica e a entrada en vigor do PXOM permitan medrar a este concello gandeiro”, sinala.
Rey amosa a súa satisfacción por ter axilizados os prazos dos últimos informes sectoriais, a Memoria Medioambiental e o informe de Patrimonio, xa que “así evitamos ter que adaptar o PXOM á nova Lei do Solo”, que entrará en vigor proximamente. Deste xeito, o concello remata xestións iniciadas a finais do ano 2009.
Ata a aprobación definitiva do Plan, a ordenación do solo no municipio de Frades seguirá rexéndose polas Normas Subsidiarias e Complementarias da Provincia da Coruña, que limitaban tanto o crecemento da zona urbana de Ponte Carreira como das vivendas unifamiliares dos núcleos rurais. Plantéxanse, tamén, zonas de especial protección como a Rede Natura vinculada ao río Tambre e  afluíntes, espazos verdes que precisan un coidado minucioso e frecuente.

Tags: