Os rapaces ordenses aprenden a vivir a música desde a súa infancia

“Coa ilusión que vexo cada día nos alumnos, non teño dúbidas de que de aquí sairán grandes músicos ou incluso quen gañará a vida con isto”. Así se expresa Manuel Otero, o director da Escola de Música de Ordes e tamén da Banda Municipal, quen se mostra moi orgulloso do alto número de matriculados no centro, 105 —o curso anterior foron 39—.
A Escola Municipal naceu en 2002 e esta tempada presentou unha novidade: púxose en marcha a asignatura de Música e Movemento, na que os pequenos de 3 a 7 anos poden comezar a xogar e disfrutar coa música. “Buscamos que o pasen ben e que experimenten cos instrumentos e co ritmo. Que as cancións e os sons os estimulen e que se expresen libremente a través dos xilófonos, caixas chinas, maracas, etc.”, apunta o director da escola, quen anima a todos os veciños de Ordes a que comproben o poder da música, “que move montañas”.
Manuel Otero destaca a diversidade de instrumentos para estudiar na Escola, algo que tratan de “fomentar para poder tocar, máis adiante, en conxuntos, bandas ou Big Bands”. Ademais da trompeta, a guitarra, o piano e moitos outros, Otero está especialmente contento este ano, no que unha alumna escolleu como instrumento a trompa, a primeira que o fai.
O importante para estudiar música “é ter ilusión e ganas de aprender todo o tempo; sen iso, podes ter moito talento pero nunca chegarás a nada”, di o director da Escola —que forma parte, tamén, de grupos como a Gallaecia Big Band, A Magnifique Bande dos Homes sen Medo ou CAXADE—. Os oito profesores da escola, explica Otero, poden recomendar aos rapaces escoller un ou outro instrumento en base ás súas habilidades, pero sinalan que o máis necesario é que se sintan cómodos con el. Segundo Otero, “se o rapaz deixa de querer vir á clase porque non lle gusta o instrumento ou lle colle manía, mellor que elixa outro”. “Nesta escola hai xente con moitas ganas e isto é un orgullo para todos os profesores e nos motiva aínda máis, é máis doado sacar partido a unha persoa ilusionada que a unha moi talentosa”, apunta o músico, quen indica que a filosofía deste centro é fomentar o aprendizaxe de diferentes estilos musicais, “porque bo músico é o que bebe de moitas influencias”.

A Banda cumpre 25 anos
Desde a Banda de Ordes lembran que este 2016 celebran o seu primeiro cuarto de siglo e para celebralo organizan un concerto o 27 de febreiro na sala LP 45, no que estarán acompañados polo trío Vaamonde, Lamas e Romero. Será de balde ás 20.00 horas.

Tags: