O emprego e o Plan Xeral, as claves do goberno para asentar poboación

Ordes pechou o ano 2015 cun novo descenso no seu índice de poboación, rexistrando 12.775 habitantes —69 menos que o ano anterior—. O crecemento vexetativo negativo e a marcha de poboación ao estranxeiro para escapar da crise económica e laboral do país son as principais razóns que apuntan desde o goberno local, que xa está traballando en novas medidas que poidan asentar poboación no municipio.
Entre estas medidas atópase a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Segundo o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, o novo documento urbanístico “definiría novas áreas industriais e propiciaría a creación de novos postos de traballo”. Ademais, Sanjurjo destaca que o plan “melloraría a oferta en vivenda, tanto no núcleo urbano como no rural, reactivando o sector da construción na medida que a situación económica actual o permita”.
O rexedor ordense destaca a posición estratéxica que ten Ordes, “ao estar a medio camiño entre Santiago e A Coruña” e desde o seu goberno tratarán de poñer en marcha medidas para fomentar, sobre todo, o emprego no municipio, de maneira que poidan asentarse novas familias na zona e dinamizar o tecido empresarial local.
 Nos últimos catro anos, o censo de poboación sufriu sempre baixadas. “Considero que con estes estímulos do Plan Xeral e o emprego podemos ver rebasados en pouco tempo os 13.000 habitantes”, conclúe Sanjurjo.

Tags: